Monday 29 de April de 2024

Rubén Martínez Mayo / Apolonia Bermúdez Canosa e Roberto García González / Fina Blanco Pena, gañan o Trail Lousame 2023


Rubén Martínez gaña por quinta vez o Trail Curto e convértese tamén no primeiro corredor desta modalidade en entrar na primeira posición das dúas probas

Os atletas Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira) e Apolonia Bermúdez Canosa, no Trail Curto; e Roberto García González (Tribu Trail) e Fina Blanco Pena (CD 21 Leguas), no Trail Longo, foron os do Trail de Lousame 2023. Unha proba que completaron 249 atletas, dos 302 inscritos inicialmente, o que supón un incremento do 91,5% con respecto á participación rexistrada en 2022 (130 atletas).

O gran protagonista da xornada foi Rubén Martínez Mayo, quen obtivo o seu cuarto triunfo no Trail Curto de Lousame nas catro edicións nas que participou: 2021, 2020 e 2018. E iso que hoxe non o tivo doado, pois os atletas do Trail Curto amosaron un nivel moi superior ao de anos anteriores.Isto motivou que os primeiros clasificados rebaixaran en máis de 15 minutos o tempo promedio desta proba en anos anteriores e que, por primeira vez nas sete edicións do Trail de Lousame, o primeiro atleta en cruzar a liña de meta fose un corredor do Trail Curto.

Desenvolvemento da proba

A xornada foi moi fría e desenvolveuse sen incidencias. A pesar de que se agardaba choiva durante toda a mañá, só choveu unha media hora, coincidindo coa saída do Trail Longo. Iso fixo que os 249 atletas completaran a proba, sen que houbera que lamentar abandonos por cuestións físicas.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, foi a encargada de dar a saída ás probas: ás 10:00 horas o Trail Longo e ás 11:05 horas o Trail Curto. Un acto no que estivo acompañada pola concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo, e polo concelleiro de Protección Civil, José Antonio Ces.

Ás 12:06 minutos da mañá saltaba a sorpresa, cando o nicrariense Rubén Martínez Mayo entraba na liña de meta catro segundos antes que Roberto García González, gañador do Trail Longo. Unha coincidencia que sorprendeu á organización e provocou unha divertida anécdota á hora de colocar/recolocar a cita coa que se recibe aos campións, pois houbo que “ir quitarlla” a Rubén Martínez para poder recibir a Roberto García.

Rubén Martínez cruzou a liña de meta cun tempo de 1 hora 6 minutos e 1 segundo, marcando un ritmo de 4,42 km por minuto. Case dous minutos despois entraba Rubén Caamaño Nieto (1 hora 7 minutos e 50 segundos) e Ismael García Carballo, do Club Atletismo Lousame, cun tempo de 1 hora 8 minutos e 39 segundos.

Na categoría feminina a vitoria foi para Apolonia Bermúdez Canosa, quen na súa primeira participación en Lousame parou o crono en 1 hora, 22 minutos e 44 segundos (25 minutos menos que a súa predecesora en 2022) e clasificou como 34 na categoría xeral. Beatriz Barroso, do Tribu Trail, conseguiu a segunda posición cun tempo de 1 hora 27 minutos e 3 segundos. Completou o podio outra atleta independente, Carla Carolina Liñares Barreiro, que parou o crono en 1 hora, 28 minutos e 56 segundos.

Trail Longo

No que atinxe ao Trail Longo, o triunfo foi para Roberto García González, cun tempo de 2 horas 6 minutos e 4 segundos, un minuto menos co gañador da edición anterior. Dous minutos despois entrou Marcos Antonio Pascual Fidalgo, cun tempo de 2 horas, 8 minutos e 38 segundos. Completou o podio Fran Salgueiro, do Corresoiras Trail, con 2 horas 8 minutos e 38 segundos. Ningún deles participara en edicións anteriores.

O podio feminino tamén é a estrear, neste caso por Fina Blanco Pena, cun tempo de 2 horas, 56 minutos e 18 segundos que lle valeron o posto 47 na categoría xeral. O segundo posto foi para Nuria Figueira Dieste, do Grup Esportiu Alcúdia, cun tempo de 3 horas, 1 minuto e 23 segundos. Completou o podio Montse Solís Caamaño, da AD Montebrondo, cun tempo de 3 horas 7 minutos e 20 segundos.

Entrega de premios

Os premios foron entregados polass concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo, e Deportes, Mariel Agrafojo Nieto; e polos concelleiros de Protección Civil, José Antonio Ces Barreiro, e Obras, Ramón Martínez Rial; así como por Pablo Roo, xerente de Futuránea, empresa local e principal patrocinadora do Trail de Lousame 2023.

Ademais dos trofeos aos 6 primeiros clasificados, masculinos e femininos, de cada Trail, entregaron por primeira vez un premio aos mellores clasificados locais: Manuel Gómez Gómez (Pontetrail) e Andrea Gómez Tubío (CDM Vértice) no Trail Longo; e Fran Oviedo Bouzas (Club Atletismo Lousame) e Elena Torea Torea (Club Atletismo Lousame), no trail Curto. Manuel Gómez e Elena Torea repetiron distinción por segundo ano consecutivo. O premio ao club máis numeroso foi para Tribu Trail.

Ademais dos avituallamentos durante a carreira, o Concello de Lousame tiña disposto outro avituallamento no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, inicio e meta da proba. Ao rematar a entrega de premios, as persoas presentes compartiron unha gran paella.

Dende o Concello de Lousame agradecen especialmente a colaboración dos máis de sesenta voluntarios e voluntarias, sen cuxa axuda non tería sido posible o desenvolvemento da proba, así como a: Cruz Roja Noia, Protección Civil de Lousame e Club BTT O Treito. O Trail Lousame 2023 foi organizada polo Concello de Lousame, que contou coa colaboración de Futuránea, Atmósfera Sport, Gadis, Rekord Sport, Hoka One One, Fermín Simal SL, Pavimentos Noia, Autos Comparado e Nutri Sport.